Literatura, flores e música na Feira do Libro de Segunda Man do Rosal

Literatura, flores e música na Feira do Libro de Segunda Man do Rosal

Celebrarase este domingo 21 de abril na Praza do Calvario de 11.00 a 20.00 horas

O Rosal prepárase para conmemorar o Día do Libro por todo o alto. A Praza do Calvario acollerá este domingo 21 de abril unha nova edición da Feira do Libro de Segunda Man, un evento aberto a todos os públicos no que literatura e lecer camiñarán de novo da man a través dun completo programa de actividades.

“Este domingo volvemos celebrar a riqueza cultural e o poder transformador da literatura cunha feira que non só promove a lectura, senón que tamén crea espazos de encontro e lecer, enriquecendo a vida cultural e social de rosaleiros e rosaleiras”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A xornada comezará coa apertura do mercado do libro de segunda man, no que o público poderá desfrutar de 11.00 a 20.00 horas de forma ininterrompida dos postos que haberá pola Praza do Calvario rexentados por sete asociacións rosaleiras: Agrupación Musical do Rosal, San Xerome Emiliani, Ecos do Folón, Asociación Ghorghalado, a ANPA do CRA María Zambrano, a ANPA A Mata e o Colectivo Carballas.

Todas as asociacións porán a disposición das e dos visitantes un amplo catálogo de títulos recollidos dos fondos das propias entidades ou a través dos seus asociados e asociadas “que permitirán dar unha segunda vida a libros que permanecían gardados nun andel. Unha reutilización que nos permite seguir avanzando nunha economía circular tamén na cultura, promovendo a sostibilidade e democratizando o acceso á lectura con verdadeiros tesouros a prezos accesibles”, destaca a rexedora.

A Feira do Libro de Segunda Man contará tamén co posto de venda de flores e plantas de Augaluz, cun stand en solidariedade con Palestina e cunha ampla programación musical  para todos os públicos. As actividades comezarán pola mañá ás 13.00 horas con ‘As máis molonas de Pakolas’, un espectáculo que recolle o mellor repertorio do rock infantil e familiar. Un concerto de balde no que Pakolas guiará ao público coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical no que a interacción e a participación de nenos e nenas, a animación, as súas caracterizacións e a propia música son o principal atractivo.

Xa pola tarde, Xoan Curiel subirase ao escenario ás 18.00 horas co seu trío ‘Danzamos no verán!’ para narrar as aventuras dunha rapaces e rapazas que na época estival atopan unha creativa maneira de pasar o tempo formando un grupo musical. Un espectáculo moi completo con danza, música en directo e elementos do teatro que busca a participación constante do público no que voz, guitarra, ukelele, percusión e baile dan paso a cancións divertidas e entrañables para unha viaxe musical dende que soa o último timbre do cole en xuño ata o primeiro de setembro.