MEDIDAS ADOPTADAS POLA MANCOMUNIDADE DO BAIXO MIÑO CON MOTIVO DO COVID-19

Inclúe a suspensión da selección dunha praza de condutor/a que se estaba levando a cabo e o aprazamento de cursos e actividades formativas

A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño acaba de adoptar unha serie de medidas de funcionamento con motivo do decreto do Estado de Alarma trala crise do COVID-19 e que terán o carácter temporal que determinen as autoridades competentes. Mediante resolución da presidencia establécese que a MIBM dará prioridade á atención telefónica e telemática nos servizos de atención ao público. A atención presencial prestarase en caso de ser necesario e sempre establecendo quendas que garantan a prestación do servizo e a seguridade de todas as persoas.

Estas medidas afectarán a todo o persoal que, en función das necesidades do servizo e na medida do posible, debe evitar as reunións de traballo e os desprazamentos a outras localidades, fomentando o uso da videoconferencia. Ademais, acordouse permitir a modalidade de traballo non presencial previa autorización da presidencia da Mancomunidade e en supostos debidamente xustificados.

A MIBM tamén apraza as xuntas de goberno que viña mantendo de forma periódica, agás aquelas que se convoquen como consecuencia do estado de alarma.

Cursos e procesos selectivos

A Mancomunidade tamén procede á suspensión da convocatoria para a selección dunha persoa para a praza de condutor que se estaba levando a cabo. Suspéndese a resolución definitiva de admitidos e excluídos, a publicación da baremación dos méritos por parte do tribunal e a data, lugar e hora das probas de selección, quedando en vigor os trámites previos, con especial fincapé no prazo de presentación de instancias, que se dá por rematado.

Por outro lado, todos os curso e actividades formativas de carácter presencial quedan aprazadas e valorarase a súa realización por medios telemáticos en caso de ser posible.