MELLORADO O TRAMO OESTE DA ESTRADA VELLA DE SAN MIGUEL, NA CONTORNA DA CUMIEIRA

O tramo da estrada xa está a pleno rendemento despois das obras, que foron financiadas polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

 

A estrada Vella de San Miguel, na contorna da Cumieira, xa está a pleno rendemento despois de que se fixeran traballos de reconfiguración e asfaltado ao longo de 260 metros.

Cun orzamento de máis de 110.000 euros, os traballos incluíron unha mellora na xestión das augas, tanto as pluviais e de abastecemento como augas superficiais, así como unha renovación dos muros de contención e unha renovación do asfalto. Ademais, mellorouse a diferenciación das vías peonís, para dotar de maior seguridade todo o tramo.

Foron, en total, máis de 1.500m2 de vía nos que se realizaron estes traballos de mellora e que agora mesmo está plenamente operativa. Esta actuación resultou nunha mellora significativa na seguridade da veciñanza residente na zona, e dos numerosos vehículos que pasan diariamente por esta estrada da parroquia de San Miguel de Tabagón.