O Concello avanza con paso firme na reforma integral da Escola Unitaria de Tabagón

O Concello avanza con paso firme na reforma integral da Escola Unitaria de Tabagón

Xa se comezaron a implantar medidas para a eficiencia enerxética do inmoble, que será 100% accesible

O Concello do Rosal avanza con paso firme na reforma integral da Escola Unitaria de Tabagón, unha rehabilitación total do inmoble coa que se reorganizarán os espazos e se mellorará a eficiencia enerxética, camiñando cara a un municipio máis verde e sostible en todos os eidos. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou as instalacións xunto co arquitecto encargado do proxecto, Xavier Pousa, para ver de primeira man o avance das obras.

“As escolas son unha prioridade para nós xa que, ademais de ser inmobles cun elevado valor patrimonial e arquitectónico, son equipamentos educativos de grande importancia na estrutura territorial do Rosal. Esa aposta pola educación de proximidade permítenos fixar poboación e que os rosaleiros e rosaleiros desenvolvan os seus proxectos de vida no municipio con todos os servizos posibles á súa man”, resaltou a rexedora.

Con esta reforma integral o Concello continúa a dar pasos cara a recuperación do seu patrimonio, modernizando os espazos educativos locais e apostando pola eficiencia enerxética, así como polas melloras na accesibilidade e na redución dos custos enerxéticos nas instalacións municipais. Así, tras a rehabilitación integral na Escola de Pías, o Goberno local traballa a bo ritmo para rematar a da Escola de Tabagón, que tras a reforma acollerá a sede do Centro Rural Agrupado (CRA) María Zambrano, coordinando así dende alí todas as Escolas Unitarias do Rosal.

Tras sanear o chan colocando unha soleira ventilada e lámina contra o radón, xa está acabada a estrutura que vai albergar o ascensor que fará o edificio 100% accesible. Ademais, nese camiño cara á eficiencia enerxética, xa se iniciou o illamento das fachadas, a renovación de todas as instalacións e a colocación de novas fiestras máis illantes e eficientes que as anteriores.

O investimento total desta reforma será de 600.000 euros cofinanciados con fondos propios e con fondos europeos NextGenerationEU que o Concello captou a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP Local), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.