O CONCELLO CONSEGUE UNHA SUBVENCIÓN DE CASE 48.000€ PARA O FOMENTO DA COMPOSTAXE IN SITU

Porase en marcha un sistema de préstamo de biotrituradoras para restos vexetais, crearanse dous novos centros de compostaxe comunitarios e repartiranse composteiros individuais.

O Rosal obtivo unha das mellores puntuacións na memoria do proxecto entre os presentados a esta liña de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciada con fondos Feder Galicia 2014-2020

O Rosal segue a dar pasos para aumentar os niveis de reciclaxe actuais e acadar as taxas establecidas na normativa europea. O Concello vén de acadar unha subvención de case 48.000 euros para poñer en marcha un programa de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos destinadas ao fomento da compostaxe in situao abeiro dunha liña de axudas posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda confinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

“Dispoñemos de fondos europeos para dotar a toda a veciñanza das ferramentas necesarias para xestionar os seus biorresiduos e reducir o impacto ambiental de todos os residuos. Con este proxecto traballaremos para potenciar a autocompostaxe nas vivendas e a recollida selectiva en orixe, fomentar a trituración dos restos leñosos para evitar a queima ou que acaben nos colectores de resto e tratar de reducir o volume de residuos a tratar ou eliminar no vertedoiro”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.

O Rosal acadou, xunto á Deputación de Ourense, a mellor puntuación na memoria do proxecto entre todos presentados á liña de subvencións e desenvolverase ao longo dos anos 2020 e 2021. Dende o Concello queren agradecer o traballo realizado polo responsable técnico da concellería de Medio Ambiente no desenvolvemento do proxecto.

Compostaxe colectivo e individual e biotrituradoras

Na actualidade, O Rosal ten unha porcentaxe de recollida selectiva do 33,2%, por riba da media estatal e autonómica pero lonxe dos obxectivos fixados nas directivas europeas e nos plans nacionais e autonómicos de residuos. Os datos amosan un estancamento nas cantidades recollidas na fracción resto e un aumento progresivo na das nas tres fraccións maioritarias: 138,7 toneladas de vidro en 2019; case 125 Tn de papel/cartón e 116 toneladas de envases. Agora, a  través deste proxecto o Concello desenvolverá varias actuación “conectadas entre si coa pretensión de afrontar a xestión da materia orgánica dun xeito integrado e de achegar a compostaxe a toda a poboación”.

Así, porá en marcha un sistema de préstamo de 6 biotrituradoras eléctricas para que os veciños e veciñas do Rosal poidan desfacerse dos seus propios restos vexetais. O obxectivo é establecer un modelo de préstamo semanal cómodo para as persoas usuarias co que se estima que máis de 300 fogares ao longo do ano poderán triturar os restos de poda e que permitirá obter estruturante de calidade para empregalo en todas as vivendas que teñan composteiro individual.

Trátase dunha iniciativa moi importante, xa que nos concellos rurais a porcentaxe de fracción vexetal pode acadar ata un 10% do lixo domiciliario. No caso do Rosal estímase que na actualidade estanse a xerar 230 toneladas anuais que xeralmente se queiman ou se depositan nos colectores de resto, “con todo o impacto medioambiental que iso supón”.

Por outra banda, crearanse dous novos centros de compostaxe comunitaria (CCC) para ampliar a cobertura das edificacións verticais dos barrios do Calvario, Couso e unha pequena parte do Casal e A Lomba. Ademais, nesa contorna hai varios produtores singulares e edificios municipais que tamén poderían beneficiarse destes centros para a xestión dos seus restos orgánicos. Cada centro contará con 6 unidades modulares con posibilidade de ampliación en función da demanda. Así, cos tres centros operativos o Concello podería atender a unhas 600 persoas e xestionar unhas 60 toneladas de materia orgánica ao ano.

O proxecto tamén inclúe accións para potenciar a compostaxe individual para vivendas que dispoñan de espazo suficiente. Actualmente existen 408 composteiros instalados por todo o municipio con capacidade para tratar unhas 147 toneladas ao ano. O obxectivo é adquirir uns 500 composteiros que se sumarán aos 200 dos que xa dispón o Concello para ofrecer este servizo a unha poboación estimada de 1.700 persoas. Estes composteiros repartiranse por solicitude e a través de visitas porta a porta.

Todas estas iniciativas completaranse cunha campaña de sensibilización encamiñada a dar a coñecer o proxecto e a involucrar á poboación para que participe nel. Para acadalo desenvolveranse contidos dixitais que se difundirán a través da web e das redes sociais do Concello e realizaranse actividades de formación tanto en centros educativos como nos distintos barrios se a situación epidemiolóxica o permite.