14 Set 2023 O CONCELLO DO ROSAL AMOSA AS SÚAS BOAS PRÁCTICAS AMBIENTAIS AO PRESIDENTE DA ILLA DO PRÍNCIPE
Ánxela Fernández Callís e Filipe Nascimento mantiveron un encontro previo ao Foro de Cooperación Municipalista da Lusofonía impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
O Concello do Rosal mantén unha aposta decidida pola sostibilidade ambiental en todas as áreas municipais co obxectivo claro de converterse nun modelo de avance sostible, respectuoso e responsable do rural galego. Ao longo dos últimos anos, o Goberno municipal implementou unha serie de medidas e boas prácticas que a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, amosou este mércores ao presidente da Rexión Autónoma do Príncipe, Filipe Nascimento, que visitou O Rosal dentro dun encontro previo ao IV Foro da Coooperación Municipalista da Lusofonía, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que se celebrará do 23 ao 26 de outubro nesta illa africana pertencente á República Democrática de São Tomé e Príncipe e declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO.
Rexedora e equipo de Goberno recibiron na Casa do Concello a Nascimento e ao asesor gobernamental Antonio Machiaba para presentarlles as liñas de actuación en materia de sustentabilidade ambiental, así como as obras de recuperación de espazos públicos, “unha estratexia coa que buscamos construír O Rosal das persoas, transformando as nosas prazas e rúas fomentando lugares de encontro e convivencia, unha mobilidade sostible e segura, ao tempo que se dinamiza a economía local e se fixa poboación”, explicou Fernández Callís.
A delegación de Illa Príncipe puido coñecer así realidades como a os dous ecoparques creados no Rosal nos últimos anos ou a Explanada do Horizonte, que ademais de potenciar o valor natural e paisaxístico do municipio dun xeito sostible foi galardoado con importantes recoñecementos como o Premio Gran de Area 2020 de Aportación á arquitectura do Colexio de Arquitectos de Galicia ou o Premio Internacional de Arquitectura e Natureza Simonetta Bastelli.
Durante o encontro, a alcaldesa tamén esbozou as principais liñas seguidas dende o Concello para a transformación enerxética de todo o municipio, reducindo as emisións e camiñando nunha transformación acelerada cara a eficiencia enerxética e a sostibilidade ambiental a nivel municipal, social ou veciñal. Ánxela Fernández Callís destacou así o traballo realizado para o cambio de luminarias, para o que o Goberno municipal captou 1,5 millóns de euros ao abeiro do Programa DUS 5000, a reforma progresivas das escolas unitarias apostando ademais por unha educación de proximidade e unha recuperación patrimonial, a implementación da compostaxe e da transformación no tratamento de residuos, a creación das comunidades enerxéticas ou o cambio de fontes de consumo fósil en todas as instalacións municipais por enerxías renovables.