O CONCELLO DO ROSAL AVANZA NA MELLORA DA SÚA EFICIENCIA ENERXÉTICA CON DÚAS NOVAS CALDEIRAS DE BIOMASA

A súa instalación sae a licitación por un importe de case 95.000 euros financiados ao abeiro do Fondo de Cooperación Local

O Rosal camiña con paso firme cara a mellora da eficiencia enerxéticas das instalacións municipais co obxectivo de “mellorar a eficiencia enerxética no noso municipio, comezando pola renovación daquelas infraestruturas máis obsoletas, reducindo as emisións de CO2 e redundando nun aforro económico e enerxético”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Concello vén de sacar a licitación a instalación das caldeiras de biomasa no pavillón municipal e no campo de fútbol da Mata, unha renovación que permitirá substituír as caldeiras de gasóleo destas instalacións deportivas por dúas de pellets con combustible de biomasa para a produción de calefacción para estes edificios e de auga quente para as duchas dos seus correspondentes vestiarios.

Trátase dunha modernización das instalacións municipais adaptándoas ao uso das enerxías menos contaminantes e renovando equipos obsoletos, nos que tamén se mellorará o seu illamento e regulación, permitindo un control total do sistema con termostatos de ambiente e telexestión.

As obras saen a licitación por un orzamento base de case 95.000 euros financiados ao abeiro do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. Fernández Callis resaltou que este proxecto “é un paso importante no noso compromiso coa eficiencia enerxética e a sostibilidade, reducindo a nosa pegada de carbono ao tempo que melloramos o confort de usuarias e usuarios e logramos un aforro económico importante. O noso obxectivo é diminuír o consumo e seguir camiñando cara a unha enerxía limpa, convertendo pouco a pouco ao Rosal nun referente no emprego de enerxías renovables”.

As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 10 de outubro ás 23.59 horas.