O Concello do Rosal contrata traballadores desempregados a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra

Dende o 1 de abril e ata o 31 de decembro deste ano prestan servizos no concello do Rosal once traballadores/as que foron contratados a través da liña 3 (emprego) da subvención da Deputación Provincial denominada Plan de obras e servizos (Plan Concellos). Estes once traballadores completaranse con outros tres a partir do 1 de xuño.
No ano 2017 a axuda concedida vai destinada á contratación de sete oficiais para revalorización de espazos públicos, un operador de maquinaria forestal, catro peóns de limpeza viaria e recollida de lixo, unha auxiliar de axuda no fogar e unha limpadora de edificios públicos. A duración dos contratos é diferente para cada un deles e vai dende os catro meses ata os nove, sendo desta última duración a maioría.
A Deputación Provincial de Pontevedra concedeu unha subvención por importe de 122.875,92 euros para os custes salariais e de seguridade social, achegando o concello do Rosal o importe correspondente a outros gastos como indemnizacións por fin de contrato, roupa de traballo, prevención de riscos laborais, vixiancia da saúde, etc.
Os requisitos establecidos pola Deputación para a contratación deste persoal é que se tratara de desempregados inscritos no Servizo Público de Emprego, sendo seleccionados/as de conformidade cos criterios de preferencia fixados tamén por aquela.