O CONCELLO DO ROSAL PIDE Á VECIÑANZA QUE AGARDE AO REMATE DA EMERXENCIA SANITARIA PARA TIRAR OS VOLUMINOSOS

O Concello do Rosal pide a toda a veciñanza a súa colaboración nestes momentos nos que se debe permanecer en casa e evitar saír o máximo posible.

Malia que se pasen moitas horas no domicilio e moitas persoas aproveiten para ordenar e tirar obxectos que levan moito tempo acumulados, dende o Concello pídese por favor protexer ao resto da veciñanza e, especialmente, aos traballadores que nestes días están recollendo o lixo das rúas. O lixo tirado en calquera sitio é un posible foco de infección para todas as persoas.

Dende o Concello pídese a toda a veciñanza que se garden eses obxectos na vivenda ata que esta situación volva á normalidade e poidan ser levados a unha tenda de segunda man, ao establecemento axeitado ou ao punto limpo.

Con actitudes responsables minimízase a exposición de outras persoas a un posible contaxio por coronavirus e a axuda da veciñanza é esencial para paralo.