O Concello inicia co Acanor Novás Valinox un novo ciclo de reunións do programa ‘A veciñanza conta’

O CONCELLO INICIA CO ACANOR NOVÁS VALINOX UN NOVO CICLO DE REUNIÓNS DO PROGRAMA ‘A VECIÑANZA CONTA’

A alcaldesa reuniuse coa directiva do club, co que abordou as obras do pavillón ou o Torneo Internacional de balonmán desta fin de semana

Para o Concello é fundamental a participación cidadá para construír entre todos e todas O Rosal do futuro. Estes días, o Concello deu comezo a unha nova edición do programa ‘A veciñanza conta’ cun encontro coa directiva do Acanor Novás Valinox para abordar cuestións que afectan ao presente e ao futuro do club, como as próximas obras do pavillón municipal.

Trátase da “primeira reunión das que imos ter co tecido asociativo rosaleiro para tratar os proxectos en curso, actividades que se vaian a desenvolver ou mesmo como está a ser a saída da pandemia tras máis de dous anos de crise sanitaria”, como salienta a rexedora, que busca con estes encontros “escoitar a rosaleiros e rosaleiras para mellorar o noso concello e coñecer as necesidades para seguir avanzando”.

Durante a reunión, alcaldesa, equipo de goberno e directiva trataron tamén do I Torneo Internacional de balonmán junior, un preparatorio do campionato de Europa de Portugal organizado polo Acanor Novás Valinox coa colaboración do Concello do Rosal que traerá a xogar ao Rosal ás seleccións junior de España, Serbia e Montenegro. “Temos que agradecer o esforzo feito polo club para que poidamos desfrutar dun evento con balonmán de primeiro nivel durante toda a fin de semana. Animamos a todos os veciños e veciñas e a todas e todos os afeccionados a achegarse ao Rosal gozar con todos os partidos”, explica Fernández Callís. O torneo disputarase os días 2, 3 e 4 de xullo e as persoas interesadas poden xa adquirir as súas entradas a través da páxina web habilitada polo club rosaleiro.

Nas vindeiras semanas a alcaldesa e o equipo de goberno continuarán reuníndose con diferentes asociacións e entidades rosaleiras. Con todas elas abordarase ademais a súa colaboración no proceso participativo que o Concello porá en marcha ao abeiro da Axenda 2030, coa que abordar os retos sociais, ambientais, económicos, culturais ou educativos para un desenvolvemento urbano sostible.

A alcaldesa sinalou que “dende o Concello queremos agradecer e louvar o labor de todo o tecido asociativo do Rosal, un dos motores fundamentais do dinamismo do noso municipio a nivel cultural, deportivo, educativo ou social. Para nós é un pracer traballar man a man con todas as asociacións polo interese colectivo dos rosaleiros e rosaleiras”.