O CONCELLO MELLORA NOVE CAMIÑOS NAS PARROQUIAS DE SANTA MARIÑA E SAN MIGUEL DE TABAGÓN

Con case 97.000 euros de investimento, os asfaltados son parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

Máis de máis de 5.800m2 foron asfaltados nesta actuación

O Concello do Rosal ven de realizar obras de melloramento en nove camiños das parroquias de Santa Mariña e San Miguel de Tabagón, máis de 5800m2 en total. Cun orzamento de case 97.000 euros, estes traballos foron financiados polo Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, sinalou que “estes traballos forman parte do proxecto que puxemos en marcha para a mellora progresiva dos camiños rosaleiros, garantindo o seu mantemento e recuperación, empezando por aquelas zonas que presentan un maior estado de deterioro e que son empregados con maior frecuencia pola veciñanza”.

As actuacións de mellora desenvolvéronse nos camiños da Chanqueira e as interseccións co Camiño do Xestal e coa Subida ao Picón, situados en Fornelos-As Cruces. En Pancenteo realizáronse obras no Camiño do Lavadoiro, na Transversal 1ª e no Camiño do Sestelo. No caso da parroquia de San Miguel Tabagón, as vías melloradas foron un tramo do Camiño da Cumieira, no Morán, e un tramo na rúa da Estrada, en Pías.

Estes traballos de limpeza e asfaltado das vías repararon o deterioro nas capas de rodadura, eliminando as irregularidades e fochancas e garantindo unha maior seguridade para os numerosos vehículos que utilizan estas estradas cada día.