O Concello sinaliza a Mina de Ouro de Val das Bornas, unha xanela ao pasado mineiro do Rosal

O CONCELLO SINALIZA A MINA DE OURO DE VAL DAS BORNAS, UNHA XANELA AO PASADO MINEIRO DO ROSAL

Catro carteis informativos ofrecerán ás persoas visitantes unha guía para identificar e interpretar as pegadas da minería antiga neste lugar

O Concello conseguiu unha subvención de case 5.200 euros da Deputación de Pontevedra para a sinalización deste patrimonio histórico

O Concello do Rosal levou a cabo a sinalización para interpretación da mina de Ouro de Val das Bornas, en San Miguel de Tabagón, unha iniciativa que busca poñer en valor o patrimonio histórico e cultural do municipio.

O Concello sinaliza a Mina de Ouro de Val das Bornas, unha xanela ao pasado mineiro do RosalO proxecto conta cunha subvención de case 5.200 euros da Deputación de Pontevedra a través da que se instalaron catro carteis informativos “que ofrezan ás persoas visitantes ou ás e aos camiñantes casuais unha guía mínima para identificar e interpretar as pegadas da minaría antiga na zona, e amosar os elementos máis relevantes á vista e outros ocultos baixo a superficie, o que permitirá comprender a importancia do lugar”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Con estes paneis informativos afóndase tamén nas investigacións xeo-arqueolóxicas que se levan realizado na zona e as que se están a desenvolver na actualidade. Xunto a estes catro carteis colocaranse dúas sinais de sinalización de acceso ao xacemento.

A mina de ouro do Val das Bornas é un conxunto mineiro galaico-romano cunha gran relevancia xeopatrimonial, con máis de 3.000 metros de foxos identificados e numerosas bocas mineiras descubertas grazas ás recentes limpezas da Comunidade de Montes de San Miguel de Tabagón e de Pías. Conta cunha chea de labouras mineiras subterráneas e superficiais que se espallan dende a cabeceira do val ata a súa unión co val do Tamuxe, 15, km augas abaixo.

A área conta tamén con restos de minaría de estaño do século XX, que aproveitaron as antigas labouras mineiras. A espectacularidade dos traballos mineiros ao descuberto e o seu interese xeopatrimonial converten o sitio nun lugar senlleiro para o coñecemento do gran ciclo mineiro galaico-romano do ouro.