O modelo enerxético do Rosal, exemplo de bo facer ante un panel de persoas expertas

O MODELO ENERXÉTICO DO ROSAL, EXEMPLO DE BO FACER ANTE UN PANEL DE PERSOAS EXPERTAS

A alcaldesa detallou a transformación do municipio en nunhas xornadas organizadas pola Universidade de Santiago sobre comunidades enerxéticas na xestión pública

O Concello do Rosal leva xa catro anos desenvolvendo unha estratexia transversal e decidida de transformación verde na que aposta pola sostibilidade ambiental en todas as áreas de acción e competencia municipal. Un modelo co que o Goberno municipal busca ser “un concello do rural galego exemplo do avance sostible, respectuoso e responsable coa nosa realidade e o noso medio ambiente” que levou a unha clara aposta pola autosuficiencia enerxética e que a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, presentou ante un panel de persoas expertas.

A rexedora participou como conferenciante nas xornadas ‘Comunidades enerxéticas na xestión pública’, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela, á que foi convidada como relatora pola Universidade de Santiago por converterse O Rosal en pouco tempo nun referente de avance na estratexia de sostibilidade ambiental desde o eido local, respaldado pola captación de fondos NextGenerationEU.

A alcaldesa compartiu mesa co profesor do Departamento de Ciencias Políticas da USC Miguel Anxo Bastos; co técnico da Deputación de Pontevedra José Antonio Piñeiro; co ex director de Gas Natural Fenosa e presidente do Nordés Club Empresarial Carlos López; co investigador da Universidade Politécnica de Madrid Luis Miguel Carrasco e co director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta Pablo Fernández.

Durante o encontro, a alcaldesa explicou ante un aforo repleto de expertos e expertas a experiencia do Rosal e os proxectos de autosuficiencia enerxética xa en marcha. “Comezamos a construír O Rosal das persoas, no que traballamos para recuperar o espazo público para a veciñanza e de espazos de encontro e lecer integrados na natureza, potenciando o seu valor paisaxístico e apostando pola sostibilidade, así como o reto de transformación do alumeado público e a reforma progresiva en termo de eficiencia enerxética dos edificios municipais camiñando cara a enerxías limpas”, asegurou Fernández Callís para poñer en contexto a realidade rosaleira.

Unha transformación que levaba da man un cambio de modelo enerxético e a posta en marcha de proxectos “para reducir todas as nosas emisións nun camiño de transformación acelerada cara á eficiencia e a sostibilidade ambiental a nivel municipal, pero tamén social e veciñal”. A creación de Comunidades Enerxéticas vai camiño de ser unha realidade tras conseguir fondos para a creación dunha Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) a través dunha subvención do Ministerio de Transición Ecolóxica que só obtiveron 5 concellos galegos, así como a captación de financiamento para a creación dunha comunidade enerxética e a participación no proxecto europeo Life EC4Rural coa Universidade de Vigo.

“O Rosal é pola súa idiosincrasia un lugar particularmente idóneo para a implantación de comunidades enerxéticas, xa que é un concello no que a colaboración e a implicación do tecido asociativo e social é clave”, lembrou. A alcaldesa recalcou que as comunidades enerxéticas son estruturas que poden nuclear iniciativas para o asentamento poboacional nos concellos de reto demográfico, xa que presentan “unha oportunidade de desenvolvemento e crecemento nun territorio baseado nun modelo de aforro, autonomía e con valores medioambientais tales que permiten que outras iniciativas elixan o noso concello para emprender proxectos de vida e de negocio”.

Como destacou Fernández Callís, “unha das claves do éxito das comunidades enerxéticas locais é precisamente a cultura da colectivización dos recursos que existe nun lugar como O Rosal a través de todo o tecido social, como comunidades de montes, traídas de auga veciñais, asociacións culturais, deportivas…, para ser consumidores e prosumidores de enerxía. E o mesmo que pasa con outros bens de primeira necesidade como a experiencia da auga coas traídas veciñais”.