O Rosal acolle a terceira edición do Foro da Muller Rural Galega de Eu Rural

O ROSAL ACOLLE A TERCEIRA EDICIÓN DO FORO DA MULLER RURAL GALEGA DE EU RURAL

Celebrarase o vindeiro venres 20 de outubro cunha xornada de networking na que 16 mulleres compartirán a súa experiencia liderando iniciativas rurais no territorio

As mulleres emprendedoras volven ser as protagonistas na terceira edición do Foro da Muller Rural, unha iniciativa posta en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural coa que conmemorar o Día Internacional das Mulleres Rurais e dar voz a todas as mulleres que apostaron polo rural, traballando, vivindo, transformando e mellorando o territorio.

A bodega Quinta Couselo do Rosal será o escenario no que se darán cita as 16 protagonistas deste ano, que explicarán a súa situación liderando proxectos rurais nos 13 concellos de Eu Rural. Despois do almorzo e networking, ás 10.30 horas comezará a inauguración oficial, que dará paso ao apartado ‘Compartindo experiencias, visibilizando realidades’, nas que se coñecerá a historia de todas as protagonistas.

Este ano a realidade do rural estará visibilizada no Rosal pola arquitecta María Fandiño, deseñadora da galardonada Explanada do Horizonte e dos ecoparques do Campo Novo e do Sobreiral. Ademáis, participarán Ana Álvarez, de Pescados Narcisa (A Guarda); Patricia Gómez, de Vouxers (Baiona), Teresa Covelo, da casa niño ‘Curuxa de Lúa’ (Fornelos de Montes); Carmen Soliño, de Muebles Soliño (Mos); Judit García, do centro de equitación ‘Llamas de Cea’ (Nigrán);  a percebeira Josefa Mariño (Oia); Vanesa Casalmorto e Marisé Casalmorto, de Herboristería Dietsana (O Porriño); Ana Míguez, de ‘Héroes para la ciencia’ (Pazos de Borbén); Merchi Alonso e Anuska Couñago, de Florería AyM (Redondela); Kinga Maculewicz, de Kinga Trainer (Tomiño); e Tui.

Tras este espazo de intercambio ás 12.30 horas procederase á lectura do manifesto da muller rural galega e celebrarase o acto de entrega de recoñecemento á muller homenaxeada nesta teceira edición, que será do concello rosaleiro.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través dun formulario disposto na páxina web de Eu Rural, onde poderá atopar máis información sobre a xornada.