O Rosal celebra o Día de Rosalía con arte, música e poesía

O ROSAL CELEBRA O DÍA DE ROSALÍA CON ARTE, MÚSICA E POESÍA

O auditorio municipal acollerá este domingo 26 de febreiro a gala na que haberá lectura de poemas, collages e caligramas do alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e cancións de Lara Villaverde

O Concello do Rosal conmemora o Día de Rosalía con poesía, música e moita arte. Este domingo 26 de febreiro, o auditorio municipal acolle a Gala do Día de Rosalía, un encontro no que o público poderá achegarse á figura da ilustre autora especialmente a través da palabra. “Con esta gala queremos homenaxear da mellor forma posible á escritora galega máis universal, precursora da poesía moderna, unha pioneira do pensamento feminista e a persoa que devolveu ao galego o seu carácter de lingua culta”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Durante a gala varias persoas procederán á lectura de poemas da propia Rosalía de Castro e poderase desfrutar dos collages e caligramas realizado polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier en memoria da escritora e da súa obra. A homenaxe a Rosalía completarase coa actuación de Lara Villaverde, unha cantante tomiñesa que chega ao panorama musical galego con cancións propias acompañada da súa guitarra e que dará voz á ilustre escritora galega.

A gala celebrarase ás 19.00 horas e vai dirixida a público de todas as idades. O evento será de balde con entrada libre ata completar aforo. Dende o Concello convidan a participar a toda a veciñanza e agradecen a participación e colaboración de todas as persoas que prestarán a súa voz para conmemorar a figura de Rosalía, así como do alumnado do CPI Suárez Marquier polo seu traballo.