A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez

O Rosal contará coa primeira Oficina de Transformación Comunitaria de Galicia

O Concello volve ser pioneiro coa licitación da xestión deste servizo, que apoiará á veciñanza na instalación conxunta de enerxías renovables coas que reducir o consumo e aforrar na factura da luz

O Rosal volve ser pioneiro en sostibilidade. O Concello acaba de sacar a licitación o servizo de xestión da primeira Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) de Galicia e a segunda de España, un espazo que servirá para dar apoio e asesorar á veciñanza na instalación de comunidades de enerxías renovables coas que reducir o consumo e aforrar na factura da luz.

Esta oficina traballará na difusión do obxectivo das comunidades enerxéticas e ofrecerá asesoramento e acompañamento en todo o relacionado con eficiencia enerxética, tarifas eléctricas, enerxías renovables ou transición enerxética, fortalecendo o sistema de apoio a todas e todos os interesados, principalmente veciñanza, pequenas e medianas empresas e entidades locais.

As comunidades enerxéticas convértense así nun instrumento similar ás comunidades de montes ou ás traídas de augas veciñais que permite aglutinar conxuntos de persoas, pemes ou entidades locais que teñen como obxectivo desenvolver proxectos de enerxías renovables, eficiencia enerxética ou mobilidade sostible, cun impacto positivo a nivel medioambiental, económico ou social sobre as e os seus membros e as zonas locais nas que se desenvolven.

Como resalta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “O Rosal é pola súa idiosincrasia un lugar particularmente idóneo para a implantación de comunidades enerxéticas, xa que é un concello no que a colaboración e a implicación do tecido asociativo e social é clave”. Un compromiso por parte do tecido socioeconómico local que xa quedou patente na fase de captación de fondos europeos para esta iniciativa coa manifestación de apoio e interese de varias asociacións arraigadas no municipio.

Trátase dun proxecto pioneiro e innovador que conta co apoio da Universidade de Vigo e a través do que se crearán comunidades enerxéticas que se converterán no núcleo de iniciativas para o asentamento poboacional en concellos de reto demográfico, xa que “presentan unha verdadeira oportunidade de desenvolvemento e crecemento do territorio baseado nun modelo de aforro, autonomía e con valores medioambientais que funcionarán como polo tractor de iniciativas que elixan O Rosal para emprender novos proxectos de vida e de negocio”.

O Goberno municipal amosa o seu máis firme compromiso con este proxecto e buscará atraer a empresas e axentes relacionados coa economía social e con experiencia na creación e na xestión de comunidades enerxéticas. Como sinala a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez, “a cultura da colectivización dos recursos que xa existe no Rosal a través de todo o tecido social, cultural, deportivo, veciñal… será unha das claves do éxito destas comunidades que converterán á veciñanza en consumidores e prosumidores de enerxía”.

“O impacto global destes proxectos terán grandes beneficios medioambientais, coa diminución do consumo de enerxía e a redución no uso de combustibles fósiles, pero tamén permitirá evitar a dependencias sobre as compañías eléctricas e combater a pobreza enerxética a través do aforro de enerxía, ademais doutros beneficios sociais, como a creación de emprego local ou o fortalecemento do noso tecido comunitario”, explica Rodríguez.

A posta en marcha da OTC compleméntase coa participación do Concello do Rosal no programa EC4RURAL da Universidade de Vigo, un proxecto liderado por Xavier Simón financiado con fondos europeos que busca desenvolver novos mecanismos de apoio ás comunidades enerxéticas no rural, impulsando a súa creación e mellorando a colaboración entre Concello e veciñanza, a concienciación social e a formación en desenvolvemento enerxético comunitario, ademais de fomentar a participación cidadá e promover decisións de investimento flexibles e viables e enerxías renovables.

O Concello do Rosal captou fondos europeos para posta en marcha desta Oficina de Transformación Comunitaria, xa que acadou unha axuda do Ministerio para a Transición Ecolóxica ás OTC para a promoción e dinamización de comunidades enerxéticas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e cofinanciado polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, elemento central do fondos NextGenerationEU.

As empresas interesadas en optar á xestión da primeira Oficina de Transformación Comunitaria de Galicia no Rosal poderá presentar as súas propostas ata o vindeiro 30 de abril.