O Rosal dille fóra aos plásticos

O ROSAL DILLE FÓRA AOS PLÁSTICOS

O salón de exposicións acolle ata o 28 de xuño unha mostra creada por San Xerome Emiliani en colaboración con centros escolares do Rosal e A Guarda para concienciar sobre o uso deste material

O salón de exposicións acolle dende este martes 21 ata o vindeiro 28 de xuño a exposición ‘Fóra plásticos!’, unha mostra creada por San Xerome Emiliani coa colaboración doutros nove centros educativos da comarca e do Concello do Rosal, da Guarda e de ANABAM co obxectivo de concienciar á sociedade sobre o uso desmesurado dos plásticos.

O proxecto, denominado como a exposición, ‘Fóra plásticos!’, promoveu a relación entre diferentes centros da contorna para facer fronte común no coidado do medio ambiente e desenvolver actividades como a limpeza de plásticos preto dos colexios participantes, promover a cultura da reciclaxe ou sensibilizar á poboación con esta mostra conxunta que agora chega ao Rosal. Na mostra participan ademais de San Xerome Emiliani, A Galiña Azul O Rosal, o CRA María Zambrano, o CPI Manuel Suárez Marquier, o CEIP A Sangriña, Padres Somascos – Fundación Educere, o CEIP Plurilingüe As Solanas, o CEIP Manuel Rodríguez Sinde, a Fundación Vedruna Educación e o CEIP Pintor Antonio Fernández.

Con esta exposición os centros participantes buscan que mocidade e infancia sexan os protagonistas do cambio, tentando concienciar e sensibilizar ao resto da poboación sobre o consumo desorbitado dos plásticos na sociedade, un problema grave que afecta ao medio ambiente e ao mantemento da vida no planeta.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a visitar a mostra, que estará aberta ao público de luns a xoves de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.30 horas. “Debemos concienciar á poboación da problemática que supón o abuso excesivo dos plásticos e que coñezan iniciativas que lles poden animar a nivel individual a reducir o consumo e uso destes residuos”, salientou a rexedora.