O ROSAL E CERVEIRA ESTREITAN LAZOS

Primeira reunión oficial da alcaldesa Ánxela Fernández co presidente da cámara cerveirense, Fernando Nogueira

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, visitou este martes ao presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, para a presentación institucional destes dous concellos veciños que contan cunha fronteira común. Trátase da primeira reunión institucional entre ambos os dous mandatarios, na que Nogueira e Fernández destacaron o potencial dos dous municipios, territorios que contan con algunhas complementariedades fortalecidas pola súa proximidade xeográfica e polas posibilidades que ofrece a cooperación transfronteiriza.

Esta reunión supón o punto de partida para esa colaboración transfronteiriza e para o desenvolvemento de accións de futuro nas que os dous municipios traballen conxuntamente. Ambos mandatarios destacaron a importancia de tecer lazos entre as veciñanzas dos dous concellos e de aproveitar as potencialidades de cada un, como o destacado papel que xoga o tecido asociativo no Rosal.

Ánxela Fernández convidou ao presidente da cámara de Cerveira a visitar o Rosal en próximas datas e así continuar traballando nas relacións transfronteirizas entre ambos concellos.