O Rosal estréase con dúas Flores de Honra no certame ‘Vilas en Flor’

O ROSAL ESTRÉASE CON DÚAS FLORES DE HONRA NO CERTAME ‘VILAS EN FLOR’

A recuperación de espazos, os ecoparques ou a conservación do paisaxismo en lugares como As Eiras foron as claves do galardón

O Rosal estreouse con dúas Flores de Honra no certame Vilas en Flor, unha iniciativa que busca poñer en valor o deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes urbanos. O Concello rosaleiro participou por primeiro ano neste certame organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar).

“Para nós é toda unha honra recibir hoxe este galardón que non deixa de ser un dos froitos de todo o traballo feito ata o de agora para recuperar espazos e dar vida ao noso municipio. Fainos moita ilusión conseguir este recoñecemento á nosa aposta pola sostibilidade ambiental en todas as áreas de acción e competencia municipal para converternos nun concello do rural galego modelo do avance verde, respectuoso e responsable coa nosa realidade e o noso medio ambiente”, agradeceu a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O xurado valorou todas as intervencións e proxectos desenvolvidos ao abeiro da transformación verde do Rosal, como a Praza do Calvario, “exemplo de transformación e de recuperación de espazos públicos nun Rosal pensado para as persoas no que se traballa para eliminar o uso desmedido da mobilidade motorizada e a contaminación ambiental ou o emprego de materiais contaminantes na creación das áreas de lecer”.  A Explanada do Horizonte, un dos tres ecoparques creados nos últimos tres anos no Rosal, ou as sobreiras catalogadas como árbores senlleiras da Madalena foron algúns dos piares clave para obter este galardón.

 

O ROSAL ESTRÉASE CON DÚAS FLORES DE HONRA NO CERTAME 'VILAS EN FLOR'