O Rosal inspírase en Europa para ser referente en sostibilidade ambiental

O Rosal inspírase en Europa para ser referente en sostibilidade ambiental

A alcaldesa e a concelleira de Medio Ambiente participaron este venres en Bruxelas nun encontro sobre o Pacto Verde da Unión Europea en acción local

Os gobernos municipais son axentes clave para garantir a implementación de políticas de sostibilidade ambiental en Europa. Consciente desta realidade, O Rosal trasladouse estes días a Bruxelas para inspirarse en experiencias europeas que permitan converter ao concello nun verdadeiro referente verde a nivel comarcal, rexional e mesmo autonómico.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez, participaron este venres en ‘Traducindo o Pacto Verde da UE en acción local’, un encontro con 550 líderes locais e rexionais no Parlamento Europeo “no que nos achegamos a iniciativas que se están a realizar noutras localidades das que aprendemos moito e no que expuxemos tamén os proxectos que temos en marcha no Rosal para seguir avanzando en sostibilidade ambiental, unha prioridade fundamental para o Goberno municipal”.

Ao longo de toda a xornada, líderes locais e rexionais debateron sobre a neutralidade climática, a planificación para crear cidades saudables e resilientes, unha gobernanza multinivel innovadora, o empoderamento e financiamento da transición en vilas e cidades, a unión enerxética ou os pactos verdes locais, entidades eficientes en recursos, resilientes, de baixa emisión de carbono e socialmente responsables.

O Concello do Rosal leva anos traballando “nunha estratexia transversal e decidida de transformación verde nun firme compromiso coa sostibilidade ambiental en todas as áreas de acción e competencia local co obxectivo de ser en pouco tempo un modelo de progreso sostible, respectuoso e responsable coa realidade e o medio ambiente”, como sinalou a rexedora.

Neste camiño, o Concello sumouse ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía (PACES), co que asumiu o compromiso de reducir o 40% a emisión dos gases de efecto invernadoiro para 2030 e a adopción dun enfoque conxunto para abordar a mitigación e adaptación ao cambio climático.

Tras unha auditoría enerxética municipal para establecer o punto de partida e tomar decisións coas que camiñar para converter ao Rosal nun referente de sostibilidade, o Goberno municipal está a desenvolver o seu plan de acción local para a aplicación da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible e captou máis de catro millóns de euros nos últimos anos de fondos NextGenerationEU para a posta en marcha de proxectos que permitan avanzar ao municipio no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

A recuperación de espazos públicos para as persoas, apostando por unha mobilidade alternativa, o uso de materiais non contaminantes na creación de áreas de lecer, a renovación das escolas unitarias apostando pola eficiencia enerxética ou a transformación do alumeado público, que reducirá a contaminación lumínica e permitirá un aforro enerxético do 70%, son algunhas das medidas que xa se implementaron no Rosal.

Un traballo continuo que culmina cun novo proxecto innovador: a creación de Comunidades Enerxéticas Locais, unha estrutura legar composta por veciñanza, asociacións e comunidades veciñais que, ademais de ser consumidores de enerxía, se convertan en prosumidores de enerxía renovable, xerando e consumindo enerxía renovable de forma sostible, eficiente e máis económica. Para dar os primeiros pasos cara a esta realidade, o Concello xa conseguiu fondos europeos para a creación dunha Oficina de Transformación Comunitaria a través dunha subvención do Ministerio para la Transición Ecolóxica y el Reto Demográfico, outorgada só a cinco municipios galegos, así como a concesión de financiamento para a creación dunha comunidade enerxética e a participación no proxecto europeo Life EC4Rural coa Universidade de Vigo.