O Rosal mellora a eficiencia enerxética do campo de fútbol da Mata co cambio da cuberta dos vestiarios

O ROSAL MELLORA A EFICIENCIA ENERXÉTICA DO CAMPO DE FÚTBOL DA MATA CO CAMBIO DA CUBERTA DOS VESTIARIOS

O Concello sacou a licitación o proxecto de renovación por máis de 81.400 euros. A data para presentar ofertas remata o 5 de outubro

O Rosal aposta pola eficiencia enerxética das instalacións municipais, tamén no eido deportivo. O Concello vén de sacar a licitación o proxecto de cambio da cuberta dos vestiarios do campo de fútbol da Mata, un edificio que actualmente presenta un deterioro propio da súa antigüidade e que ademais carece de pezas de remate, canlóns ou baixantes que provoca filtracións tanto ao interior dos vestiarios como ao exterior, deixando visibles marcas de humidade sobre os muros das fachadas.

“A renovación da cuberta é un paso máis cara a un Rosal máis sostible pero tamén máis confortable para as nosas e os nosos deportistas. A eficiencia enerxética é unha prioridade para o Concello e esta nova renovación de instalacións municipais é un claro exemplo do noso compromiso cun futuro máis verde e responsable”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O proxecto sae a licitación por un importe de 81.400 euros, dos que o 77% son financiados ao abeiro do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia e o resto con fondos propios do Concello. As obras consistirán en desmontar a cuberta existente e instalar unha nova que mellore a eficiencia enerxética das instalacións incorporando, por exemplo, illamento térmico, do que actualmente carecen estes vestiarios.

O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, subliñou o compromiso do Concello coa mellora paulatina das instalacións deportivas municipais, creando espazos de primeiro nivel cos que seguir promovendo un estilo de vida activo e saudable entre rosaleiros e rosaleiras”.

As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 5 de outubro.