08 Mai 2024 O Rosal recuncho a recuncho coa nova andaina interpretativa pola Senda dos Pescadores
A ruta será o 19 de maio e terá unha dificultade baixa-moderada. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a partir do 8 de maio a través da web municipal
O Concello do Rosal continúa coas súas andainas interpretativas, pequenos percorridos pola contorna do municipio para descubrir e poñer en valor o patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e natural dun xeito ameno, sinxelo e divertido. O domingo 19 de maio será a quenda da segunda saída, un percorrido pola Senda dos Pescadores do río Carballas (Tamuxe) totalmente balizado e plano que levará ás e aos participantes pola beira do río.
Trátase dunha andaina cunha distancia de 8 km e unha duración aproximada de 3 horas que ofrece un percorrido lineal sen desnivel e cunha dificultade baixa-moderada, accesible para todas as idades e condicións físicas.
O prazo de inscrición para participar nesta nova ruta abrirse a partir deste mércores 8 de maio a través dun formulario habilitado na web municipal e deberá realizarse un rexistro por cada persoa participante. O número de prazas estará limitado a un máximo de 30 persoas e abrirase unha lista de agarda unha vez superado o aforo.
É importante lembrar que todas aquelas inscricións realizadas antes do 8 de maio non serán válidas e que é necesario volver a rexistrarse a través do procedemento establecido. Comunicarase ás persoas participantes a hora e o lugar de encontro para a realización da actividade.
José Carlos Martínez Crespo, concelleiro de Turismo e Deportes, subliña a importancia da posta en marcha de iniciativas turísticas e de lecer como as andainas interpretativas, “xa que non só ofrecen a veciñanza e visitantes unha forma divertida de conectar coa nosa historia e natureza, senón que tamén contribúe á dinamización da nosa economía local, promovendo un turismo sostible”.