O Rosal segue a mollarse polos ríos

O ROSAL SEGUE A MOLLARSE POLOS RÍOS

Participa na limpeza simultánea impulsada por Adega e coordinada no municipio pola asociación A Jalleira

As persoas interesadas poden inscribirse xa para a limpeza este domingo 24 do río da Soberbia

O Concello do Rosal implícase un ano máis coa limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, ao abeiro do Proxecto Ríos. O vindeiro domingo 24 de setembro celebrarase a XVI Limpeza Simultánea de Ríos en toda Galicia, unha xornada de recollida e retirada de lixo á beira dos espazos fluviais coa que se busca concienciar á veciñanza da necesidade de manter limpos de residuos os ríos e a súa contorna natural.

A Asociación Forestal e de Educación Ambiental ‘A Jalleira’ en colaboración co Concello e Adega coordinará esta xornada no Rosal, na que se procederá á limpeza do río da Soberbia. A xornada comezará ás 09.45 horas e terá coomo punto de encontro a ponte do Urgal.

A actividade está aberta a todos os públicos. Todas as persoas interesadas en participar poden solicitar información ou inscribirse enviando un correo electrónico a ajalleira@gmail.com.

Grazas á colaboración de 63 entidades, o ano pasado retiráronse máis de 8 toneladas de lixo de diverso orixe e deuse un paso máis na sensibilización e concienciación da sociedade sobre a necesidade de manter limpos os ríos de residuos para a conservación da súa saúde.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a todas as rosaleiras e rosaleiros a que se unan a esta nova edición de limpeza de ríos simultánea, que o ano pasado mobilizou a un milleiro de voluntarios e voluntarias de 41 concellos de toda Galicia.. Recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, protección solar en caso de que o tempo o demande e calzado para auga ou de recambio por se se molla durante a actividade.