O Rosal, un dos primeiros concellos de España que licita un campo de fútbol con criterios de sostibilidade ambiental

O Rosal, un dos primeiros concellos de España que licita un campo de fútbol con criterios de sostibilidade ambiental

Cun orzamento de case 335.ooo euros as empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 2 de maio

 O Concello do Rosal continúa avanzando na renovación das infraestruturas municipais para para convertelas en espazos accesibles, eficientes e inclusivos. Neste camiño, O Rosal convértese nun dos primeiros concellos de España en licitar un campo de fútbol con criterios de sostibilidade ambiental tras sacar a concurso as obras para a transformación integral do campo da Mata.

“Apostamos por incluír criterios innovadores que nos permitan seguir dando pasos significativos cara a un futuro máis sostible, aplicando criterios de responsabilidade ambiental para mellorar as instalacións deportivas municipais ao tempo que reducimos o impacto ambiental e promovemos prácticas respectuosas co medio ambiente”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Criterios innovadores aplicados no prego da licitación cos que se dá un paso máis alá, priorizando incluso a aquelas empresas que presenten proxectos que recollan todas as liñas de sostibilidade ambiental marcadas. Así entre as melloras recollidas, ademais dunha ampliación da garantía de mantemento ou a incorporación de megafonía, o Concello valorará con maior puntuación as variantes do cambio de céspede que inclúan materiais drenantes máis sostibles que substitúan ao caucho.

Un camiño no que o Goberno municipal leva tempo traballando e investigando, xa que hai uns meses realizaba unha visita de campo ás instalacións da Cidade Deportiva do SC Braga para coñecer a súa experiencia empregando cortiza como base do campo dende 2018. “Buscamos alternativas ao tradicional recheo granulado continuando coa nosa aposta pola sostibilidade en todos os ámbitos e adiantándonos á normativa da Unión Europea que non permitirá a partir de 2030 empregar este tipo de material nos campos de céspede sintético por ser unha fonte de emisión de microplásticos”, explica a rexedora.

O obxectivo da mellora integral deste campo de fútbol é, como explica o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, “unha nova aposta tamén do Concello polo deporte base e as escolas deportivas, favorecendo o desenvolvemento integral da nosa mocidade. Cremos firmemente no valor do deporte como ferramenta educativa e como espazo no que xerar oportunidades coas que a rapazada constrúa un futuro máis saudable”.

O proxecto de renovación do campo de fútbol da Mata foi redactado por un equipo técnico especializado que incorporou as necesidades técnicas detectadas pola UD Ribera, incluíndo as demandas dos propios usuarios e usuarias para solucionar diferentes problemáticas. Así, xunto ao cambio de céspede e ao nivelado e regularización do chan, o proxecto contempla a limpeza das canalizacións, a colocación dunha varanda de aceiro envolta nunha rede atrapa balóns, o cambio do pavimento deportivo, a instalación dun novo sistema de rego ou a colocación dun novo marcador e de dous bancos de exterior para suplentes de 10 prazas. Entre as melloras tamén se inclúe a creación dunha galería de aluminio con cristais de seguridade e a substitución dos paneis do túnel de vestiarios por pezas de metacrilato resistente aos impactos dos balóns.

As obras de transformación integral do campo de fútbol da Mata saen a licitación por case 335.000 euros. As empresas ou entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 2 de maio.