Días de cine no Rosal

O ROSAL VIVE DENDE HOXE 3 DÍAS DE CINE

As II Xornadas de Cinema celébranse os días 28, 29 e 30 de xullo na Abadía das Eiras

A asociación Ghorghalado Cultura e Patrimonio organiza en colaboración co Concello a segunda edición das Xornadas de Cinema do Rosal, unha iniciativa que pretende achegar ao público rosaleiro unha oferta cinematográfica que non se atopa nos circuítos habituais.

Os xardíns da casa rural Abadía das Eiras acollerá a proxección dunha selección de curtametraxes e documentais que satisfarán aos espectadores e espectadoras máis esixentes.

Como novidade, nesta segunda edición celébrase o 1º Certame de Vídeoclips Xuvenís. As xornadas ábrense coa proxección dunha selección dos traballos presentados e tralos videoclips, o público poderá desfrutar de cinco curtas e un documental: ‘Siempre a mano’, ‘Las muelas del cuco’, ‘Momentos’, ‘La inquilina’, ‘A última noite co Tonio’ e ‘Patrimonio habitado’, unha viaxe polo patrimonio da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés na procura de relatos en primeira persoa de formas de vida, oficios e festexos.

O venres 29, o público asistente poderá gozar das curtas ‘¿Viejos?’, ‘O que queda’, ‘Dúas opcións’, ‘Casa bonita’, ‘Mama’, ‘Fantasmas’, e do documental galego ‘Afranio’, na que o actor Luis Tosar encarna ao siñor Afranio nunha peza baseada na obra autobiográfica do mesmo nome de Alonso Ríos.

As xornadas rematarán o sábado 30 de xullo coa proxección de catro curtas seleccionadas (‘Fils Trencats’, ‘Cocodrilo’, ‘Casa bonita’ e ‘Lurna’) e do documental galego ‘Negro púrpura’, un retrato da Galicia do século XX a través dun fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da cultura e a economía da época.

Todas as proxeccións son de balde e ao aire libre, polo que serán a partir das 22.00 horas. Pódese atopar máis información na páxina web das xornadas. A alcaldesa Ánxela Fernández Callís, convida “a toda a veciñanza a desfrutar desta gran festa do cine” e agradece á asociación Ghorghalado “o seu compromiso e esforzo por achegar a cultura dun xeito diferente e ameno ao noso concello”. Segundo a rexedora, tamén merece unha mención especial a casa rural da Abadía de Eiras “por facer posible que os rosaleiros e rosaleiras desfrutemos deste espazo único e convirte as xornadas nun evento aínda máis especial”.