Os ‘Cafés en Igualdade’ percorrerán os barrios do Rosal

Os ‘Cafés en Igualdade’ percorrerán os barrios do Rosal

O Concello prepara cinco novos encontros deste programa que busca crear un espazo de reunión para familias no que abordar temas de interese

A educadora social Angelina Gándara inaugura o ano cunha charla na que desmontará os mitos románticos o xoves 25 no Restaurante As Brasas, en San Xoán de Tabagón

O Concello retoma neste novo ano os seus ‘Cafés en Igualdade’, que deixarán o núcleo do Calvario para percorrer durante os vindeiros cinco meses os barrios e desfrutar doutros locais de hostalaría rosaleiros. O Goberno municipal trasladará así ás diferentes parroquias este programa que busca converterse nun espazo de reunión para todas as familias rosaleiras no que conversar de xeito cómodo e distendido sobre temas de interese ao tempo que se promove a conciliación familiar, laboral e persoal.

“Queremos que todas e todos os rosaleiros poidan desfrutar desta iniciativa que non deixa de sorprendernos pola grande acollida que ten. O éxito de todas as sesións que levamos celebradas ata o de agora é o mellor exemplo do interese que teñen os nosos veciños e veciñas por dispoñer de tempo para o desenvolvemento persoal e de poder falar, compartir experiencias ou resolver dúbidas de moitos temas de actualidade”, recalca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A educadora social e responsable de AGA Formación Angelina Gándara será a encargada de inaugurar esta nova etapa dos ‘Cafés en Igualdade’. Tras o enorme éxito da súa charla sobre maternidade na edición de 2023, regresa o vindeiro xoves 25 de xaneiro con ‘O amor romántico. Desmontando mitos’. Ás 17.30 horas no Restaurante As Brasas, en Paradela (San Xoán de Tabagón), a educadora social abordará dende un punto de vista práctico a desmitificación do amor romántico, con exemplos que axudarán a comprender todo o que se irá falando durante o encontro. Gándara amosará ao público asistente os mitos que rodean o amor romántico, como a media laranxa, a omnipotencia, a exclusividade… para saber de onde veñen e que encorsetamentos supoñen porque, como di a educadora, “só así poderemos desmontalos e ter unha visión máis libre das relacións amorosas”.

Todas as sesións dos ‘Cafés en Igualdade’ serán de balde, os últimos xoves do mes ata maio e de 17.30 a 18.30 horas. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.