OS MUÍÑOS DO FOLÓN DE DO PICÓN PREPÁRANSE PARA UNHA NOVA EDICIÓN DA 'PONTEVEDRA TRAIL LEAGUE'

OS MUÍÑOS DO FOLÓN E DO PICÓN PREPÁRANSE PARA UNHA NOVA EDICIÓN DA ‘PONTEVEDRA TRAIL LEAGUE’

Na presentación a alcaldesa asegurou que “con estes eventos apostamos por un turismo sostible e ao mesmo tempo democratizamos os espazos naturais, con alto valor para nós”

 O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra foi o escenario escollido para presentar unha nova edición da “Pontevedra Trail League”, o circuíto de tres probas de trail que se desenvolve nos montes do sur da provincia de Pontevedra. Un ano máis, esta actividade que conta co apoio da institución provincial desenvolverase ao longo de todo 2023 en Monte Aloia (Tui), nos Muíños do Folón e do Picón (O Rosal) e no Monte de Santa Trega (A Guarda). O deputado de Deportes, Gorka Gómez, presentou a competición acompañado de Serafín Martínez, director deportivo do Trail League 2023; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Montserrat Magallanes, concelleira de Deportes da Guarda; e Rafael Estévez, concelleiro de Deportes de Tui.

As tres probas da “Pontevedra Trail League”, única liga de trail de montaña de Galicia, teñen unha distancia de entre 18 e 21 quilómetros e están organizadas por NOKO 360 en colaboración coa Deputación de Pontevedra e os concellos da Guarda, O Rosal e Tui. A primeira das competicións é o Trail do Aloia (Tui, 12 de febreiro), seguida do Trail Muíños do Folón (O Rosal, 5 de marzo) e, por último, o Trail do Trega (A Guarda, 19 de novembro). Cada unha das probas terá unha clasificación individual por tramos de idade, nas categorías masculina e feminina: sénior, de 18 a 39 anos; veterano/a I, de 40 a 49 anos, e veterano/a II, a partires dos 49 anos.

En canto ao Trail Muíños do Folón do Rosal, a alcaldesa Ánxela Fernández agradeceu a Deputación por “sempre estar aí para colaborar e tomar a iniciativa en cuestións transformadoras como é o deporte”. Fernández asegurou que “con estes eventos apostamos por un turismo sostible e ao mesmo tempo democratizamos os espazos naturais, con alto valor para nós”. A alcaldesa salientou que os Muíños datan de entre os séculos XVII e XVIII, polo que “practicando deporte nesta contorna adentrámonos na nosa identidade, na nosa orixe, e tamén na construción do que queremos para as xeracións futuras porque lles trasladamos a importancia do deporte, da saúde e da sostibilidade”.

O deputado de Deportes, Gorka Gómez, asegurou que coa Pontevedra Trail League “conxuntamos tres concellos para ofrecer unha liga combinada dun deporte que está en auxe, no que cada vez participan máis mulleres, e que se practica nunha contorna paisaxística espectacular”. O deputado agradeceu o esforzo da organización “para poñelas en valor, posicionalas e atraer cada vez máis persoas”, e lembrou a importancia “do turismo deportivo que fai que se coñeza o noso patrimonio natural e cultural a través do deporte e que ten moita relevancia económica para o territorio”.

Pola súa banda, o director deportivo da Trail League, Serafín Martínez, sinalou que as tres probas conseguen xuntar “máis de 1500 deportistas, algo que hoxe en día é moi difícil conseguir”. Este ano, a liga pon o foco especialmente na sostibilidade e dá un paso máis “para eliminar todos os plásticos dun só uso, xa que moitas veces atopamos residuos nos montes e imos evitalo, aínda que vai ser complicado”. Martínez asegurou que “buscaremos alternativas porque os eventos deportivos teñen que seguir nesta liña de protección do medio ambiente, e estamos no bo camiño”.