O ROSAL INCORPORA 14 NOVAS CONTRATACIÓNS AO ABEIRO DO PLAN CONCELLOS DA DEPUTACIÓN

Durante os vindeiros 6 meses, estas persoas desempeñarán diferentes postos de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais

O Concello do Rosal incorporou ao seu persoal desde hoxe mesmo 14 novas traballadoras e traballadores contratados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a anualidade 2022 ao abeiro da Liña 3 destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. “Estas novas incorporacións non soamente darán unha oportunidade laboral a persoas que estaban en busca de emprego, senón que permitirá reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Entre todas as persoas contratadas, cinco ocuparán o posto de oficial de obras, un de oficial electricista, unha de operario de maquinaria forestal, unha de auxiliar de Axuda no Fogar e seis de peóns de limpeza viaria e roza forestal. Todos os contratos terán unha duración de seis meses a xornada completa.

A Deputación de Pontevedra investirá case 130.000 euros para financiar parte dos custos salariais destas novas contratacións, mentres que o Concello completará o resto.

 

thumbnail_image001