Un cómodo paseo polas ribeiras de dous ríos polos que flúe vida, tradición e paisaxe
O Sendeiro de Pescadores dos ríos Miño e Tamuxe permite descubrir toda a riqueza natural, paisaxística, histórica e cultural relacionada con estes dous cursos fluviais. Os seus 7,5 km de lonxitude, que se percorren en aproximadamente hora e media, dan acceso a bosques de ribeira, zonas de esteiro e xunqueira, espazos de interese ornitolóxico, pontes históricas, un serradoiro a vapor, muíños hidráulicos e varias áreas de recreo.
A ruta está homologada (PR-G 112) e conta con sinalización indicativa e informativa. Nas distintas paradas hai paneis e balizas con información ambiental sobre a gran diversidade de especies de fauna e flora que hai nesta zona pertencente á Rede Natura 2000, pero tamén sobre os aspectos vinculados coa tradición pesqueira de especies como a lamprea, o sábalo e a anguía ou meixón, entre outras.
O percorrido, sen pendentes, inclúe zonas de sombra e varias áreas de recreo e descanso, o que a converte nunha opción especialmente cómoda para gozar en familia. Outra opción de turismo activo na zona é a de alugar un caiac para percorrer o Miño, visitar as pequenas illas a medio camiño da beira portuguesa e adentrarse no río Tamuxe.
O Concello do Rosal organiza nos meses de xullo e agosto visitas guiadas (previa inscrición) para coñecer os importantes valores ambientais, históricos, paisaxísticos e culturais do lugar.